31 de janeiro de 2013

Digo Viet Nam e basta, de Celso Emilio Ferreiro

Desde a Biblioteca queremos poñer un graíño contra a guerra, contra a violencia e o odio poñendo de manifesto algúns dos lugares que hoxe están inmersos nun conflito bélico.
Podedes ver a exposición na entrada do instituto do traballo feito polo alumnado de 3ºC .
Este é o poema de Celso Emilio que tomaron como punto de partida.




 








DIGO VIET NAM E BASTA
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca.
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta. 


E tamén 
Digo Palestina e basta
Digo Sahara e basta
Digo Tíbet e basta
Digo Mali e basta
Digo Chile (etnia Mapuche) e basta
Digo Paquistán e basta
Digo Siria e basta
Digo...
Digo Guerra e digo BASTA on PhotoPeach

17 de janeiro de 2013

Visita á Cidade da Cultura

O pasado 20 de decembro, o Club de Lectura visitou a Cidade da Cultura na que asistiu non so ao percorrido polas instalacións, senon tamén a dúas exposicións: Gallaecia Petrea e Códices
Cinco alumnas de 1º de bacharelato fixeron un traballo sobre o que viron, que se resume nun folleto que poderedes atopar xunto coa reportaxe fotográfica que faremos no instituto proximamente. Isto que aquí tedes é obra de Ángela Precedo, Andrea Forján, Isabel Antelo, Xiana Rodríguez e Yanina Iglesias.

10 de janeiro de 2013

Reunión do club de lectura

O día 23 reunirémonos na biblioteca cos alumnos de 3º e 4º de ESO. Lembrade que o libro que trataremos é O club da calceta, de María Reimóndez.
Esta escritora , xunto  con outros, é membro da ONG Implicadas/os no desenvolvemento, e isto é o que din:
Implicadas/os no Desenvolvemento é unha ONG galega que leva dez anos cambiando o mundo dende Galicia. Na filosofía Implicadas defende:

- Que a cooperación ao desenvolvemento comeza cambiando as estruturas de explotación entre o Norte e o Sur e entre homes e mulleres.

- Que o cambio ten que acontecer dende Galicia abrindo vías para que a cidadanía poida participar na presión mundial para o cambio.

- Que non se pode falar de desenvolvemento cando o 50% da poboación vive en situación de discriminación e por iso traballamos para superar primeiro a discriminación que padecemos as mulleres.

Que ocurriu este ano que rematou?

Se tes interese en sabelo, preme na fotografía e verás o que o periódico El País selecionou.