19 de outubro de 2017

O PROXECTO ÁGORA: UN ESPAZO DE RESISTENCIA COA FILOSOFÍA

Onte mércores, 18 de outubro, a nosa benquerida María Vilas e Jorge Cendón, estudantes de filosofía, viñeron á nosa biblioteca para presentar LAZARUS, unha revista de Filosofía e Arte confeccionada polo alumnado da súa facultade. A verdade é que este encontro con Vilas e Cendón resultou moi interesante, porque nel saiu a colación algo ben importante: a construción dun pensamento libre, propio, que xorde sempre do autocoñecemento. María Vilas incidiu na idea de que a filosofía aparece no momento no que unha persoa, independentemente do seu nivel cultural, comeza a facerse preguntas sobre aquilo que a arrodea, porque decide non aceptalo sen máis. Insistiu por tanto tamén na recuperación do feito de filosofar como algo que todas e todos podemos facer. Non só cando cuestionamos os nosos sistema de crenzas, mais tamén cando actuamos. Así, para ela, viaxar é tamén filosofía, do mesmo xeito en que o é falar de arte, de cinema ou de teatro. A filosofía, engadiu Jorge Cendón está en todo. Tamén na xestión das emocións.

Nesta conversa, pareceunos moi atinado o que apuntou o novo profe de Filosofía, Álvaro, que puxo enriba da mesa algo ben interesante. Referímonos á idea que latexaba polo baixo da charla e da propia revista LÁZARUS: a necesidade de crear ESPAZOS DE RESISTENCIA, porque neles poden facer oír a súa voz, para manifestaren opinións, ideas ou, moi importante, elaborar proxectos en común.

Álvaro, o profe de Filosofía, a falar dos ESPAZOS DE RESISTENCIA.


María Vilas e Jorge Cendón presntando LÁZARUS.

O alumnado de 1º de BACHARELATO durante a charla.

CINERÁGORA VISITA A SALA NUMAX












Eis o alumnado do  Macías que asistiu á sala de cinema NUMAX, para ver PHANTOM  BOY. 


Laura e Iago durante a viaxe a Compostela.




Velaquí Alejandro e José botando unhas risas no bus, de camiño a Numax



Candela, Paula, Araceli, Catuxa, Nerea e Carmen, ademais de Iago, Iria, Alejandro, Hugo Lucas e Aarón nas primeiras filas. Detrás vemos a Aldara Hernaiz en plena conversa... Quedaban apenas uns minutos para a proxección de PHANTOM  BOY. Que ben o pasamos!!




18 de outubro de 2017

Reunión dos clubs de lectura ÁGORA

O próximo martes, 24 de outubro, celebraremos a primeira reunión dos clubs de lectura ÁGORA.
Xuntarémonos na Biblioteca do centro ás 15:15.
O alumnado de primero e segundo, coordinado pola profesora Anabel, comentará o libro de Agustín Fernández Paz, Rapazas.


 ¿Que estraña misión trae un extraterrestre deica o noso planeta? ¿Que sucede cando se mantén unha estarrecedora relación cun fantasma? ¿Que segredo garda unha misteriosa pedra atopada na area dunha praia? Estas son algunhas das preguntas que fixeron nacer os relatos deste libro de Agustín Fernández Paz. Rapazas, un dos clásicos da nosa literatura para adolescentes, recolle seis historias moi diversas, pero cun fío común: todas elas teñen unha rapaza como protagonista. Deste xeito, as páxinas de Rapazas achégannos un retrato plural desa etapa fronteiriza chamada adolescencia. A nova edición de Rapazas dentro da colección Fóra de Xogo foi totalmente revisada polo autor, que reescribiu cada un dos contos publicados por Xerais en 1993.

As rapazas e rapaces de 4º e de 1º de Bacharelato, acompañados pola súa profesora Lourdes, farán o mesmo, pero co libro de Marjane Satrapi, Persépole.

Marjane Satrapi, unha das artistas iranís máis aclamadas, galardoada con varios premios entre os que destacan o Premio ao Autor Revelación 2001 e Mellor Guión 2002 no Festival Internacional de Cómic de Angoulême, ofrécenos un relato autobiográfico sobre a súa infancia en Irán, que é a súa vez un excelente testemuño histórico dun pobo e unha época. Grazas á súa gran carga emotiva, crítica e irónica, Persépole converteuse nun cómic de referencia.


Contamos con vós!

10 de outubro de 2017

CINERÁGORA CON NUMAX NA ESCOLA





Mañán mércores 11 de outubro, o alumnado de 4º  ESO e 1º BAC, que forma parte do Cineclub CINERÁGORA, acudirá á Sala NUMAX para ver o filme de animación PHANTOM BOY, dos directores Alain Gagnol e Jean-Loup Felicioli, que forma parte do programa NUMAX NA ESCOLA.
Temos moita ilusión nesta experiencia, que, continuaremos ao longo do curso, pois iremos dúas veces máis a NUMAX.


O noso CINERÁGORA está a ter unha grande acollida, pois xa contamos con case corenta rapazas e rapaces, que acoden cada quince días para ver un filme. Polo de agora vimos dous, "Branca de Neve e a lenda do cazador" e "Maléfica" e houbo un debate ben interesante.















A aceptación é tal que xa queren repetir  o luns da semana que vén. Que veremos??? Un episodio de BLACK MIRROR. Cal?

SORPRESA!

4 de outubro de 2017

Clubs de lectura ÁGORA

Este curso botamos andar con dous clubs de lectura no IES Macías o Namorado; un para o primeiro ciclo, coordinado por Anabel, e outro para 4º e 1º de Bach. da man de Lourdes.
As lecturas para o mes de outubro son:
Persépole de Marjane Satrapi e Rapazas de Agustín Fernández Paz.





O noso primeiro encontro será o martes 24 de outubro na Biblioteca.
Animádevos a participar! A nosa ágora está aberta para tod@s!!!

Novo curso, novo proxecto: ÁGORA

     

Comezamos curso che@s de proxectos e ilusións.

O novo equipo da biblioteca do IES Macías o Namorado xa leva máis dun mes preparando todo para un novo curso; o equipo cambia, pero as ilusións e as ganas seguen as mesmas. Agradecemos o traballo de Maruxa, Mar e Esperanza, e recollemos o seu legado, Anabel, Rosa e Lourdes; esperamos estar á altura.

As nosas cabezas bulen con ideas, proxectos, actividades, colaboracións..., desexamos poder ir pouco a pouco dándolle forma e implicando a toda a Comunidade educativa do noso centro.

Este ano xa temos en marcha dous clubs de lectura, un cineblub, CINERÁGORA, concertadas varias visitas de escritoras, roteiros literarios, saídas culturais..., e estamos abertas a todo o que vaia xurdindo.


Crearemos unha conta en twiter, para que as nosas actividades, que sempre foron numerosas e exitosas, teñan unha maior proxección e unha canle de comunicación nas redes.

Celebraremos eventos sociais e literarios en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística, cos distintos Departamentos didácticos e  co Concello de Padrón, mais, sobre todo, mercaremos libros e levaremos a cabo actividades dinamizadoras para introducir a tod@s no apaixoante mundo dos libros.

Contamos con vós!!!

Moitas grazas e felices lecturas!

24 de maio de 2017

Letras 2017. Celebrando a Casares



http://aprofa.gal/wp-content/uploads/2017/05/20170513-Infograf%C3%ADa-Carlos-Casares-biograf%C3%ADa-cor.png 
Para celebrar o Día das Letras Galegas 2017 a biblioteca levou a cabo unha lectura dramatizada do conto de Carlos Casares O Xogo da Guerra , incluído na súa obra Vento Ferido.

Na páxina da Fundación Carlos Casares atoparedes información sobre o autor a a súa obra.
Tamén podedes disfrutar aquí dos distintos materiais didácticos elaborados por centros de ensino de toda Galicia centrados na figura de Casares.



27 de abril de 2017

Día do Libro 2017


O premio Cervantes 2016 foi concedido ao escritor Eduardo Mendoza  por inaugurar en 1975 unha "nova etapa na narrativa española" devolvendo ao lector "o goce polo relato", segundo destacou o xurado. Foi ese ano cando Mendoza iniciou a súa carreira literaria con "La verdad sobre el caso Savolta", obra que cambiou o xeito de escribir e ler novela en España.
Desde entón  suma quince novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. Entre as súas novelas, títulos como "Sin noticias de Gurb", "La ciudad de los prodigios" ou "El misterio de la cripta embrujada" non se poden perder.

O pasado 23 de Abril, Mendoza recolleu o premio que agradeceu cun discurso cheo de humor e referencias ao Quixote. Aquí  podes ver este emotivo momento.